Novas

Equipo de Inclusión Sociolaboral. Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego
14/08/14

Implantación FP básica curso 2014-2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no Diario Oficial de Galicia do mércores 13 de agosto de 2014 a Orde pola que se regulan aspectos específicos para a implantación das ensinanzas de formación profesional básica no curso académico 2014-2015, a nova modalidade da FP que vén a substituír aos antigos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). A través desta normativa comezarán a impartirse en setembro tanto os ciclos de FP Básica como os 19 programas formativos que por primeira vez aparecen para atender de forma específica ao alumnado con necesidades educativas especiais.

Os ciclos formativos de FP Básica que se impartirán a partires do vindeiro curso constarán de 2.000 horas equivalentes a dous cursos académicos a tempo completo. Estes ciclos inclúen tres tipos de módulos profesionais: uns asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais; módulos de Comunicación e Sociedade I e II; módulos de Ciencias aplicadas I e II, e un módulo de formación en centros de traballo. Tamén se impartirá en todos os ciclos unha unidade formativa de Seguridade e Saúde Laboral, co fin de facilitar a inclusión laboral do alumnado.

A FP Básica supón un significativo avance respecto dos PCPI, permitindo que o alumnado que remate estes ciclos teña un Título de Formación Profesional Básica, que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado.

Para máis información, ver a Orde que se achega.

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)