Novas

25/03/15

Proxecto comunitario "A NOSA VIDA..., EN POSITIVO?, 2ª edición"

No día de hoxe, a Concelleira da Área de Servizos Sociais, presentou o proxecto comunitario “A nosa vida ..., en positivo? 2ª edición”. Este proxecto enmárcase nas actuacións comunitarias do barrios de Fontiñas.

Sinalar que xa no ano 2013, este equipo comunitario (composto por tódalas entidades sociais, educativas e sanitaria do barrio) deseñou un proxecto, que vinculaba os aspectos educativo e social, dende unha óptica claramente preventiva; estamos a falar do proxecto “A nosa vida en positivo?: vulnerabilidade social en adolescentes”. A avaliación realizada foi moi positiva, requerindo os diversos participantes (alumnado, profesorado, técnicos do ámbito social), que se voltaran a implementar accións similares. Podedes acceder a estes documentos nesta mesma web www.compostelaintegra.org

Recollendo pois ese testemuño, prográmase este ano a 2ª edición. Enmárcase inicialmente o proxecto dentro das liñas de intervención recollidas no Diagnóstico Social do Barrio de Fontiñas, pero cunha novidade: abrindo o mesmo ás restantes entidades educativas e sociais do municipio.

Este proxecto foi elaborado de xeito conxunto por persoal técnico da UTS Fontiñas, Programa municipal Socioeducativo e Programa municipal de Prevención (os tres dispositivos pertencentes á Concellería da Área de Servizos Sociais) así como por profesionais do IES Antonio Fraguas.

Co proxecto preténdese acadar os seguintes obxectivos:

A)- Dirixidos aos adolescentes:

* Coñecer os dereitos e obrigas que asiste a todo menor e aprender a exercitar os dereitos de forma responsable, respectando sempre o que está “ao teu carón”.
* Poñer de manifesto as consecuencias, dende un punto de vista legal, de determinadas condutas.
* Fomentar a participación dos adolescentes na vida comunitaria.
* Desenvolver conciencias críticas sobre o seu modo de actuar e proceder.


B)- Dirixidas a persoal técnico do ámbito socioeducativo:
* Analizar, definir e clarificar as normas de actuación co colectivo infanto-xuvenil.
* Incrementar o coñecemento sobre os recursos existentes relacionados coas situacións de vulnerabilidade social que afectan aos menores.
* Fortalecer as pontes entre a institución escolar, a social e a comunidade.

As actuacións previstas son as seguintes:

1.- Obradoiro, realizado pola Asociación Arela no que, dun xeito didáctico e dinámico , se estudie pormenorizadamente a Lei 5/2000, de responsabilidade penal do menor. Este obradoiro levarase a cabo o 8 de abril de 2015, no Centro Sociocultural das Fontiñas, de 11 a 12,30 horas. Acudirá alumnado de 4º da ESO do IES Antonio Fraguas, que supón un total de 90 alumnos e 11 profesores.

2.- Conferencia “Ser joven hoy”, impartido por Don Javier Urra Portillo. Esta conferencia terá lugar o 21 de abril de 2015, no Centro Sociocultural das Fontiñas, de 11 a 12,30 horas. Acudirá alumnado de 6º de Educación Primaria do CEIP Fontiñas e Monte dos Postes, así como 1º de ESO no IES Antonio Fraguas. Prevese que acudan un número aproximado de 83 alumnos de Primaria (dos CEIP Fontiñas e Monte dos Postes) e 100 de Secundaria do IES Antonio Fraguas.

3.- A rede comunitaria do barrio de Fontiñas abre a súa programación ás restantes entidades socioeducativas do municipio coa conferencia “Ser joven hoy”, impartida por Don Javier Urra. Esta conferencia terá lugar o memo día, 21 de abril de 2015, de 17 a 18,30 horas, no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. Acudirá alumnado de 6º de Educación Primaria e de ESO dos diferentes centros educativos da cidade. Tamén se facilitará a participación das entidades sociais do municipio que estean interesadas na mesma.

Anímase a todas e todos a participar nesta actividade, sendo necesario a inscrición previa (podendo facelo no correo electrónico ise@santiagodecompostela.org), antes do 14 de abril de 2015.

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)